"Vacacións en Paz" responde ao dereito a saúde

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, entregou á presidenta da asociación, Maite Isla Avión, dos documentos acreditativos que garanten a asistencia sanitaria
photo_camera O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, entregou á presidenta da asociación, Maite Isla Avión, dos documentos acreditativos que garanten a asistencia sanitaria

O Servizo Galego de Saúde da cobertura asistencial, un verán máis, aos nenos e nenas saharauís que participan no programa Vacacións en Paz 2019, organizado en Galicia pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, entregou á presidenta da asociación, Maite Isla Avión, dos documentos acreditativos que garanten a asistencia sanitaria durante as vacacións dos 330 nenos e nenas saharauís que se desprazan a Galicia este verán ao abeiro do programa.

A colaboración establecida entre o Sergas e a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí inclúe a atención primaria, a atención especializada e as prestacións farmacéuticas.

A cobertura sanitaria en atención primaria abrangue a cobertura nas consultas, servizos e centros de saúde; a indicación ou prescrición e a realización de probas e medios diagnósticos; as actividades programadas en materia sanitaria como a vacinación, exames de saúde e outras medidas de prevención, promoción e rehabilitación; ademais de programas de atención á infancia e urxencias.

En canto á atención especializada, inclúese a asistencia ambulatoria especializada en consultas, que pode abarcar os procedementos cirúrxicos menores; a asistencia ambulatoria especializada no hospital de día, que abrangue a asistencia médica, a cirúrxica, a pediátrica para procesos agudos, a reagudización de procesos crónicos ou a realización de tratamentos de procedementos diagnósticos que así o aconsellen; ademais da asistencia especializada en réxime de hospitalización.

En canto á prestación farmacéutica, a colaboración establecida abrangue a dispensación prestada en réxime de internamento e a prescrita en réxime extrahospitalario.

Dende hai varios anos, numerosas familias galegas acollen no verán a nenos e nenas saharauís procedentes dos campamentos de refuxiados, dentro do programa Vacacións en Paz. Neste verán 2019, a súa estadía abrangue dende o 7 de xullo ao 9 setembro.

Más en Salud y Medicina Hoy