Sobe a % de cativos que falan galego no ámbito familiar

Foto: anpa vagalume
photo_camera Foto: anpa vagalume

O Instituto Galego de Estatística (IGE) constata que aumenta o número de persoas que fala galego, que se consolida como lingua maioritaria. En canto as xeracións máis novas, destaca que sobe a porcentaxe de poboación que o fala nas xeracións máis novas, tanto de 5 a 14 anos como de 15 a 29, e no ámbito familiar.

O IGE ven de facer públicos os datos do Módulo de coñecemento e uso na Enquisa estrutural a fogares de 2018, que mostran a consolidación da lingua galega como idioma maioritario de Galicia.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez compareceu ante os medios para valorar os resultados e cualificounos de “positivos”, por canto é a primeira vez, desde que en 2003 se comezara a publicar este estudo, en que medra o número de persoas que fala o galego de maneira habitual.

Por primeira vez desde que en 2013 se publicara o módulo do IGE relativo á lingua, medra lixeiramente a porcentaxe de persoas galegofalantes, entendendo por tales as que falan só o galego e máis galego ca castelán, ata chegar a sumar un 51,88% da poboación (fronte ao 50,90% da enquisa anterior, correspondente a 2013).

Se a elas lles sumamos as bilingües con predominio do castelán, temos que se incrementa ata un 75,02% a porcentaxe de galegos que emprega nalgunha medida o idioma propio de Galicia na súa vida cotiá (72,9% na enquisa de 2013), o que supón preto de dous millóns de falantes. Os datos mostran, así mesmo, un pequeno incremento do bilingüismo fronte ao monolingüismo, tanto en galego (que case se mantén) como en castelán (cun descenso un pouco maior).

Transmisión familiar

O galego parece mellorar tamén os seus índices de transmisión familiar, dado que crecen en máis de dous puntos e medio os pais e nais que se dirixen exclusivamente en galego aos seus fillos, ata alcanzar o 44,34% dos proxenitores. En todo caso, son maioritarios os fogares nos que se falan ambas as linguas indistintamente, en concreto un 62,9%.

Paralelamente, a porcentaxe de poboación que fala galego nas xeracións máis novas increméntase un punto, tanto de 5 a 14 anos como de 15 a 29.

O IGE incorpora na enquisa de 2018 un dato novo relativo ao uso do galego nas redes sociais, que alcanza a case un 48% da poboación que as emprega. Constátase unha melloría no uso do galego en internet, o comercio ou a lectura, entre outros.

Más en El Portal de la Infancia