"Para combater o machismo é necesario traballar nas xeracións máis novas"

A Deputación da Coruña entregou os premios de proxectos educativos e viñetas pola igualdade. A memoria da deputada de Igualdade e Servizos Sociais recentemente falecida, Ánxela Franco, presidiu o acto de entrega destes premios do certame de proxectos educativos pola Igualdade Concepción Arenal que recolleron representantes de centros de ensino de Miño, Carballo e Cambre e nenas e mozas da Coruña e Ferrol.

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, presidiu o acto e lembrou un lema que a Ánxela Franco repetía: "para combater o machismo é necesario traballar nas xeracións máis novas".

Goretti Sanmartín e os deputados, Xosé Regueira, Manuel Muíño, Antonio Leira e Xesús Soto participaron na entrega dos premios Concepción Arenal e de viñetas "Muller e migrante" . Representantes do CPI Castro Baxoi de Miño, do CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo e do IES David Buján de Cambre recolleron os premios Concepción Arenal nun acto de entrega en que tamén reciciu unha mención especial o equipo do CE Nosa Señora do Rosario da Coruña.

"Explorando a igualdade: Tinogona!" é o título do proxecto co que un equipo do CPI Castro Baxoi de Miño se fixo co premio Concepción Arenal para educación infantil. O xurado decidiu outorgar o premio ao centro de Miño por ser "un proxecto innovador e pedagóxico, cunha elevada implicación do alumnado e un marcado carácter aventureiro".

Na modalidade de educación primaria, o gañador resultou ser o CEIP Xesús San Luís Romero, do concello de Carballo, co seu proxecto "Revelando igualdade" que, para o xurado ten "unha alta adaptación á realidade social cun bo uso das novas tecnoloxías e un alto valor das imaxes utilizadas".

Na modalidade de educación secundaria, o premio foi para o IES David Buján do Concello de Cambre co proxecto "Abrindo portas violetas", un traballo, como consta no fallo da convocatoria "afronta dunha forma global o problema da violencia, abrindo, entre outras, unha porta á solidariedade e os dereitos humanos".

Mención de honra especial mereceu o traballo "Tempo de mulleres, superando barreiras, alcanzando soños" Nosa Señora do Rosario da Coruña polo esforzo mostrado e pola súa contribución á ruptura das barreiras.

Concurso de viñetas
Un pleno de mulleres recibiron os premios da X edición do Concurso de Viñetas "Muller e Migrante" da Deputación da Coruña. Un traballo sobre o empoderamento dunha muller afgá valeulle a Irene González Calvo, da Coruña, o primeiro premio do Concurso de Viñetas "Sen Fronteiras", Muller e Migrante na categoría de 12 a 14 anos. Ariadna Anido Rubal, de Ferrol, fíxose co primeiro premio da categoría B, de 15 a 18 anos, cunha denuncia das inxustizas cometidas contra mulleres e nenos e nenas migrantes obrigadas a fuxir en pateiras.

O X Concurso de Viñetas "Sen fronteiras", Muller e Migrante", entregou tamén un segundo e terceiro premio que, na categoría de menos idade, foron recaer tamén en autoras da Coruña, en Rosa Aneiros Rosado, o segundo, e Rocío Cerqueiro Canabal, o terceiro. En canto á modalidade dirixida a máis idade, o segundo e terceiro premios foron tamén para dúas mozas da Coruña, as dúas de 17 anos. Andrea Cagiao Mouco fíxose co segundo premio cunha comparación entre dúas mulleres migrantes con distintos recursos e mentalidades mais que teñen que ter os mesmos dereitos e Alicia Tahoces Rodríguez gañou o terceiro premio cunha peza en branco e negro que reflexiona sobre a fuxida de familias dos seus países en guerra e a separación nas fronteiras.

Más en El Portal de la Infancia