Arredor de 150 docentes vinculados aos equipos bibliotecarios dos centros educativos danse cita na xornada sobre Biblioteca Creativa.
Reuníronse para afondar, debater e intercambiar experiencias sobre as distintas iniciativas levadas a cabo nestes espazos escolares. A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participou na inauguración da xornada, cuxa conferencia inaugural correu a cargo de Arantza Mariskal Balerdi, experta en biblioteconomía e documentación e en xestión de recursos culturais.
Na súa intervención, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, salientou o apoio da Xunta de Galicia ás bibliotecas escolares que a día de hoxe están consolidados como espazos de referencia na aprendizaxe multidisciplinar dentro do sistema educativo, xa que se traballan competencias de todo tipo, tanto tecnolóxicas ou científicas como de creatividade ou oratoria, entre outras.
A Xunta de Galicia, a través do Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe) 2025, destina un total de 17M€ ao impulso de distintas actividades e iniciativas dentro das bibliotecas escolares. De aí que poidan desenvolver accións como a Biblioteca Creativa, con 148 centros adscritos, a de Biblioteca Solidaria, na que participan 190 centros, os Clubs de Lectura, en funcionamento en 401 centros, ou o programa Radio na Biblio que chega a 167.
Espazos de creación e experimentación
No caso concreto do programa Biblioteca Creativa, que arrancou no curso 2015-16, supón a dotación, dentro da biblioteca escolar, dun espazo de creación e experimentación que achegue ao alumnado e profesorado recursos e materiais axeitados, que favorezan unha aprendizaxe compartida.
No programa estimúlase a iniciación do alumnado no campo do pensamento computacional a través de diferentes actividades e búscase ampliar as linguaxes presentes na biblioteca (oral, escrita, icónica, audiovisual, artística…), promover a expresión oral, a alfabetización múltiple, o razoamento lóxico, a aprendizaxe manipulativa, o xogo, a investigación e o traballo colaborativo de profesorado e alumnado.