(Concellería de Cultura) A Concellaría de Cultura retoma a actividade teatral coa compañía santiaguesa Teatro do Adro. O venres 2 de novembro representarase ás 20:45 h Ai Carmela!, un espectáculo dirxido por Tito Asorey que xoga entre o humor, a música en directo e o drama da situación que viven dous actores no inverno de 1938 nun pobo de Galicia. É unha adaptación do texto de Sanchis Sinisterra a Galicia, á nosa realidade galega daqueles anos no que a ingua ten unha importancia capital no xeito de expresarse dos protagonistas, Josito Porto e Melania Cruz.
Estamos ante unha peza que se nutre das tradicións galegas que teñen que ver co alén, coas aparicións de defuntos, para achegar o texto ao paradigma da nosa cultura popular. Un espectáculo no que a interpretación e a música priman sobre o resto de disciplinas escénicas.
Dous cómicos, Carmela e Paulino, son arrestados polo bando nacional e obrigados a realizar unha función para celebrar a vitoria na Batalla do Ebro ante un público onde están presentes varios mozos condenados á morte. Ante esta situación de profunda crise, cal é o papel que deben xogar os artistas?
As entradas están á venda de 9:00 a 14:00 h ou 1 h antes da función. O prezo é de 4 € e con desconto do 25% para estudantes de ensinanzas homologadas e terceira idade (3 €).