Os socialistas propoñen parques caninos para Arteixo

No próximo pleno ordinario de Arteixo o Psoe lleva construir parques caninos
"É necesario planificar unha rede ampla de parques caninos nas zonas con maior densidade de poboación”, explica Simón López

A proposta de instalar parques caninos será levada ao próximo pleno municipal

A proposta de crear parques caninos no municipio será debatida no pleno de novembro xunto a outras iniciativas. Entre elas, a mellora dos servizos públicos na zona das rúas das Repúblicas. De acordo coas estadísticas, un de cada catro fogares en España ten cando meno un can. E, o censo de mascotas non fixo máis que medrar nos últimos anos, tamén en Arteixo. Cada vez son máis as veciñas e os veciños que reclaman espazos de esparexemento para os animais. Atendendo a esta demanda, o Psoe local vai propoñer no pleno a construción de parques caninos nas zonas urbanas do concello.

O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Simón López, considera que “a construción do futuro Parque Central ofrece unha boa oportunidade para crear unha área de lecer deste tipo. Pero cremos que é necesario planificar unha rede máis ampla de parques caninos nas zonas con maior densidade de poboación”. Por iso, reclama un proceso de participación cidadá, aberto a toda a veciñanza, para decidir o emprazamento dos novos parques para mascotas.

Falan de espazos delimitados e pechados onde se permita o libre xogo e tránsito de animais sen xerar molestia a outras persoas. A proposta contempla a instalación de mobiliario para a práctica de “agility”, diversidade de pavimentos, bebedoiros, dispensadores de bolsas e papeleiras, entre outros equipamentos.

Zona das Repúblicas

Outra das iniciativas que presentarán no próximo pleno vai encamiñada á mellora dos servizos públicos na zona das rúas das Repúblicas (Uruguay, Arxentina e República Dominicana). "O Concello recibiu numerosas queixas sobre as deficiencias na limpeza, a ausencia de zonas peonís ou a falla de iluminación na área axardinada construída en 2019, pero ata o momento non se adoptou ningunha medida ao respecto", conclúe López.