Como cada ano, a Concellaría de Cultura e Festas promove o Programa Cultural Manuel Murguía no mes de maio para conmemorar as letras galegas con exposicións, música e teatro así como varios actos literarios.
O programa ponse en marcha hoxe venres 4 de maio con dous espectáculos de música e teatro que se enmarcan na Rede Cultural da Deputación da Coruña
Ás 20:00 h, terá lugar o concerto de Hércules Brass no Auditorio do Centro Sociocultural de Meicende.
Hércules Brass é un quinteto que nace na Coruña no 2012 formado por xoves profesionais de vento-metal con experiencia na Orquestra Xoven da Sinfónica de Galicia e na Joven Orquesta Nacional de España.
Nos seus comezos, este grupo foi finalista no 8th International Jan Koetsier Competition celebrado en Alemaña, semifinalista no 8th International Chamber Music Competition en Francia e obtivo o 1º Premio del IV Concurso de Vent-Metall Valeriano Machi i Esparza en Benimodo, entre outros.
O concerto irá dirixido a todos os públicos, sen custo de entrada e con invitación a recoller 1 hora antes do espectáculo na conserxería do mesmo centro até completar a capacidade da sala. O nº máximo de invitacións por persoa é de 5.
Ás 20:30 h, Ibuprofeno Teatro volta ao Auditorio do CCC de Arteixo coa obra “Casa O’Rei”. Esta compañía teatral está formada por Santiago Cortegoso e Marián Bañobre, dous profesionais que despois de anos de traxectoria en numerosas compañías galegas e foráneas, promove en 2010 o seu propio selo de produción.
Entre as distincións acadadas por esta compañía, destacan o Premio Álvaro Cunqueiro para textos Teatrais (2014), Mención especial do Xurado no Certame de Teatro Garnacha de Rioja (2016) e Finalista aos Premios María Casares (2017) en 5 categorías, entre outros.
Entre o elenco desta obra podemos atoparnos con Miguel Borines, Victoria Teijeiro, Marián Bañobre, Teté García, Víctor Mosqueira, Xosé M. Esperante e Santiago Cortegoso.
A obra irá dirixida a público adulto ten un custo de entrada de 3 € para todo o público e de 2,25 € para as persoas maiores de 65 anos e estudantes de ensinanzas homologadas. A venda de entradas realizarase o mesmo día da función en horario de 11:30 a 13:30 h e 2 horas antes do acto na Billeteira do CCC de Arteixo, até completar a capacidade da sala. O nº máximo de entradas por persoas será de 5. O dereito a redución deberá acreditarse documentalmente (ordenanza fiscal nº34).
Podes descargar o programa completo de maio na seguinte foto: