Novo fondo de proxectos culturais "Tece Redes en galego"

Acto de presentación da campaña "Tece Redes en galego"-El Portal de la Infancia
photo_camera Acto de presentación da campaña "Tece Redes en galego"-El Portal de la Infancia

As actividades do programa "Tece Redes en galego" están enfocadas a coñecer o uso do galego desde un punto de vista lúdico.

A Xunta de Galicia programa este verán 300 actividades familiares, xuvenís e infantís coa campaña "Tece Redes en galego", o novo repositorio de proxectos dixitais e servizos presenciais creado ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22, que o Goberno galego pon en marcha cun orzamento de máis dun millón de euros.

A programación, na que participan ata 150 entidades e que chegará a diferentes localizacións da Comunidade, foi presentada polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que apuntou que os proxectos impulsados “encherán o verán de Galicia de actividades dirixidas case na súa totalidade ao público familiar, infantil e xuvenil, xerando así un contorno de complicidade na transmisión da lingua no seo da familia e dando a coñecer o galego desde un punto de vista lúdico.

Ademais do representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, no acto tamén participaron membros dalgunha das entidades que forman parte da iniciativa como o técnico e xestor da empresa Mr. Misto Miguel Eiré, que proxectará o filme Bella e levará a cabo espectáculos de circo máxico; a xestora da empresa Urdime Cristina Fiaño, que organiza o espectáculo Festa Miúda e o actor e director Inacio Vilariño, da empresa Fantoches Baj, responsable do espectáculo O tranvía Leonardo.

A nova campaña TeCe Redes acolle tanto os proxectos presenciais como dixitais, que complementan a oferta no Portal da Lingua, como os mixtos, nos que se mesturan ambas modalidades, ou os que se realizan presencialmente. Todos eles inclúense no coñecido programa de dinamización do uso da lingua galega FalaRedes, en activo durante o ano.

Entre as accións programadas, moi pronto poderemos gozar do cine na rúa con filmes como a produción galega Valentina ou Bella e o circo máxico, dirixido a nenas e nenos e no que se trata o tema da amizade no contexto da igualdade de xénero e a diversidade.

Os máis cativos tamén se divertirán cos espectáculos O tranvía Leonardo, con monicreques e música; Toupiciencia Show e Lendo a Ciencia: Festiencia & Festiletras, nos que se fomenta a divulgación científica en galego; O porco de pé, que leva ao teatro a novela de Vicente Risco, ou Xela contra o dragón Traga-verbas, espectáculo que trata a importancia do uso cotián da lingua galega e da conservación da nosa identidade.

Picadiscos Marifaltri, Festa Maimiña, Viaxe á prehistoria. Unha aventura inmersiva na procura das nosas orixes, As Armadanzas, Ghop! e Falando a música chegan con espectáculos de música, baile, contos, obradoiros e teatro para que toda a familia comparta, escoite e se divirta en galego.

E a familia de irmáns máis coñecida polos nenos e nenas galegos, Os Bolechas, percorrerán as nosas rúas con distintos shows de monicreques, pasacalles e actividades interactivas.

Máis actividades para este verán

As entidades adscritas á Rede de Dinamización Lingüística, ademais destas accións presentadas, contaron con moitas outras actividades da man do FalaRedes, que desde primavera entretivo o tempo de lecer dos máis pequenos e da mocidade con máis de 40 sesións de oito actividades variadas e que continúan durante o verán.

Grazas a esta campaña as rúas de Galicia encheranse de actuacións musicais da man de artistas galegos de renome como Lucía Pérez, Xacarandaina, SÉS, María do Ceo, Terbutalina, Susana Seivane, A Roda, A Banda da Loba, Roi Casal, Antonio Barros e Ialma, Antonio Luz, os grupos DOUS-Fernando Abreu & Pablo Carrera e o de Percusión ODAIKO e o espectáculo Queiman Folki do Bruxo Queiman. Tamén se realizarán os concertos do xa coñecido ciclo Novas Músicas en Galego no marco do festival Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 que terá lugar este setembro no Monte do Gozo.

Más en Arteixo