Extensión a toda Galicia da gratuidade no transporte público para menores de 21 anos

A tarxeta "Xente Nova" xa pode empregarse en toda Galicia
As vantaxes da tarxeta “Xente Nova” se estende desde calquera dos 313 concellos de Galicia a calquera outro, sen que custe un só euro

A tarxeta "Xente Nova" xa pode empregarse en toda a comunidade autónoma

A medida, enmarcada no Plan de Transporte Público de Galicia, contribúe á economía familiar, facilita o acceso a servizos como a educación e fomenta unha mobilidade sustentable

A Xunta a resolución pola que se estende ao conxunto da comunidade a gratuidade no transporte público aos menores de 21 anos coa utilización da tarxeta ‘Xente Nova’.

Con esta medida efectiva desde o venres día 21, todos os galegos menores de 21 anos poden viaxar de balde no autobús da Xunta, desde calquera dos 313 concellos de Galicia, ademais de no barco, no caso da ría de Vigo, e no ferrocarril de vía estreita na área de Ferrol.

A tarxeta “Xente Nova” pode adquirirse en calquera das 213 oficinas de Abanca habilitadas nas catro provincias.  Para empezar a empregala cómpre cargar a tarxeta cun saldo inicial co que se abonarán as viaxes e, posteriormente, será reintegrado no dispositivo. Na páxina web www.bus.gal pode ampliarse toda a información sobre a tarxeta.

60 viaxes interubanas gratuítas

Na actualidade, máis de 80.500 mozos menores de 21 anos xa viaxan de balde nos autobuses interurbanos da Xunta a través do emprego deste dispositivo. Ata agora, só podía empregarse nas áreas de transporte metropolitano (áreas da Coruña, de Santiago, de Ferrol, de Lugo e de Vigo), na provincia de Ourense e en 13 concellos da área de Pontevedra.

Cómpre destacar que 2020 foi o ano de maior incremento no número de tarxetas expedidas desde a súa posta en marcha no 2016, emitíndose máis de 21.000 novos dispositivos. En todo este tempo, realizáronse máis de 8 millóns de viaxes gratuítas, cun investimento por parte da Xunta que se sitúa en preto dos 8 millones de euros.

A área da Coruña alberga o maior número de dispositivos expedidos, contabilizándose case 23.480; seguida da de Vigo, con case 17.610 tarxetas distribuídas; e Santiago, con preto de 12.350. Na área de Ferrol, máis de 9.750 rapaces dispoñen desta tarxeta; na de Pontevedra, preto de 5.480; e na de Ourense, máis de 2.900.

A tarxeta permite realizar cada mes ata 60 viaxes interurbanas gratuítas. A súa recarga pode efectuarse nos caixeiros de Abanca ou nas oficinas habilitadas para expedila e tamén de xeito telemático mediante a banca móbil ou electrónica da citada entidade.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a traballar actualmente para que os usuarios poidan levar esta tarxeta directamente no móbil e facer as recargas sen necesidade dun caixeiro.

Fomento do transporte púbico

A tarxeta ‘Xente Nova’ é unha iniciativa social que a Xunta puxo en marcha no ano 2016 nas áreas de transporte metropolitano para permitir a gratuidade no transporte público a menores de 19 anos. Posteriormente, ampliouse a cobertura ata os menores de 21 anos e desde xuño do ano pasado, activouse este incentivo na provincia de Ourense e en 13 concellos da área de Pontevedra.

Enmarcada no Plan de Transporte Público de Galicia, a tarxeta “Xente Nova” ten como obxectivos contribuír á economía das familias e facilitar o acceso dos mozos a servizos básicos como a educación, especialmente a non obrigatoria, ao tempo que se fomenta o uso do transporte público e a mobilidade máis sustentable entre os máis novos.

Economía familiar

Neste sentido, o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro salienta que a Xunta segue a impulsar prezos máis económicos para toda a cidadanía. Nunha recente resposta no Parlamento, subliñou as vantaxes da tarxeta “Xente Nova” que se estende a toda Galicia “dende Ortigueira a Vigo, desde A Guarda a Verín, desde calquera dos 313 concellos de Galicia a calquera outro, sen que lles custe un só euro. É gratis”, remarcou

Para ilustrar o impacto que o dispositivo está a ter nos petos das familias, o director puxo de exemplo o traxecto dunha moza de Verín que estude na cidade de Ourense, desde que o Goberno galego estendeu a toda a provincia as vantaxes deste dispositivo.  Así, coa tarifa do contrato anterior, tería que abonar un prezo por viaxe de 4,55 euros, o que supón uns 200 euros ao mes desprazándose a diario. Hoxe, esta mesma estudante viaxa gratis todo o curso, o que supón para a familia case 1.800 euros de aforro nos 9 meses lectivos.

Así mesmo, puxo en valor o traballo da Xunta para facer realidade a modernización completa dos servizos de transporte público e cualificou como fundamental o papel da mocidade e, tamén, do novo Plan de Transporte Público de Galicia.

A planificación do Goberno galego para o servizo supuxo a implantación de 127 contratos, renovar máis de 3.100 liñas de autobús con 300.000 servizos mensuais que trasladan a 26 millóns de viaxeiros ao ano e a 43.000 escolares todos os días. A rede supón un investimento autonómico de máis de 80 millóns de euros por ano.

Ademais, o director puxo o acento na incidencia do novo Plan de Transporte Público de Galicia nos descontos e políticas activas de prezos máis potentes, con independencia da idade, e que posibilita a todos os usuarios o acceso a elas. Recalcou os evidentes beneficios da política da Xunta, pois estas vantaxes chegan agora tamén ás mozas e mozos que viven en núcleos de poboación do rural de toda Galicia.

Despenalización dos transbordos

Adicionalmente, a Xunta continuará afondando nuns prezos o máis económicos posible para toda a cidadanía coa constitución, nos vindeiros meses, da Área de Transporte de Galicia, que levará a toda a Comunidade os beneficios dos que gozan xa nos 65 concellos da contorna das cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago e Vigo, integrados nas áreas de transporte metropolitano, a través do uso da tarxeta TMG.

Ignacio Maestro apuntou que a adhesión dos concellos que estea interesados suporá a despenalización total dos transbordos en autobuses interurbanos e bonificacións económicas en cada viaxe. Estes descontos, engadiu, de xeito complementario á oferta de bonos vixentes, suporán un aforro real adaptado ás circunstancias individuais dos cidadáns.

O director xeral de Mobilidade animou a colaborar na constitución da Área de Transporte de Galicia aos concellos interesados en que a mocidade e a cidadanía, sen límite de idade, dispoñan de prezos aínda máis baixos. Neste sentido, expresou a confianza en que os concellos se sumen aos convenios coa Xunta para que esta Área estea plenamente operativa canto antes, toda vez que aos municipios só lles corresponde achegar o 20% do financiamento.