Arteixo estrena rutas de turismo científico

A concellaría de Promoción e Desenvolvemento de Arteixo continúa coa realización de rutas específicas, encadradas no Turismo Científico, unha iniciativa que comezou no ano 2016 e que neste 2018 continúa e se complementa con novas versións.

O Concello ten previstas catro rutas: dúas realizaranse  na primavera e as outras dúas a principios do outono.

A súa temática enmárcase na Xeoloxía e na Arqueoloxía, materias que lle axudan aos viaxeiros a entender mellor o funcionamento da natureza e do medio que van visitar. Por exemplo saber que en Valvovo temos unha falla de

desgarre, que na canteira de Barrañán temos o gabro á vista (cando o normal é que este mineral, de cor escura, estea nas profundidades da codia terrestre), praias fósiles en Barrañán e Sorrizo, Campo de Dobras en Campelo

(pregamentos que son únicos nesta zona) ou unha furna circular na Punta da Torre.

A primeira ruta é un paseo arqueolóxico pola “Loureda Patrimonial”, paseo que será conducido polo arqueóloga Puri Soto, continuaremos en abril coa “Ruta das Furnas de Suevos” co xeólogo Xavier Barros e, xa no outono, desenvolverase unha ruta desde o Monte da Estrela en Monteagudo que discorrerá polo Camiño da Area, visitarase o Castro de Castelo en Sorrizo e rematarase no mes de novembro coa Ruta dos Ríos, Mares e Praias Antigas.

O que se pretende con estas rutas é poñer en valor os recursos singulares dos que dispón o Concello de Arteixo, desestacionalizar o turismo e divulgar o coñecemento científico para todos os públicos.

Más en Arteixo