A campaña de vacinación da gripe 2018 iniciarase o vindeiro 22 de outubro

A campaña de vacinación da gripe 2018, baixo o lema Contaxia a túa enerxía e non a gripe, comeza a partir do 22 de outubro con diversas novidades. A Consellería de Sanidade adquiriu este ano un total de 608.000 doses, 48.000 máis que a pasada campaña, e destinou un orzamento que ascendeu a 2.183.220 euros, 226.980 euros máis que no ano 2017.

Como novidade, por primeira vez ofértase ao persoal sanitario a oportunidade de vacinarse desde o día 15 de outubro. Deste xeito, o persoal pode afrontar o inicio da campaña de vacinación xa protexidos fronte a esta enfermidade, evitando o risco de transmisión da gripe aos seus pacientes. Ademais, nunha aposta pola importancia que nesta campaña ten a vacinación dos sanitarios, distribuiranse entre o persoal vacinado unhas chapas co lema "Eu vacineime. E ti?" para incentivar aos profesionais comprometidos coa vacinación.

A vacinación ofrécese de xeito continuada durante 10 semanas (ata o 28 de decembro) en arredor de 900 puntos de vacinación de toda Galicia. O director de Saúde Pública lembrou que haberá vacinas dispoñibles en todos os centros durante todo este tempo, polo que esta pode levarse a cabo dun xeito progresivo evitando aglomeracións nos primeiros días.

Tres tipos de vacina

Outra das novidades da campaña deste ano é a utilización da vacina antigripal tetravalente, que se vai empregar en dous grupos de poboación: nas mulleres embarazadas e nos menores de 15 anos que presenten algunha condición de risco.

Ademais desta vacina tetravalente, durante a campaña 2018 empréganse outros dous tipos de vacina. Unha delas é a vacina convencional, que é unha antigripal inactivada de antíxenos de superficie e que pode ser utilizada a partir dos 5 anos de idade. A outra das vacinas empregadas é a de antíxenos de superficie inactivados con adxuvante indicada para as persoas de 75 ou máis anos e para as ingresadas en residencias de 65 ou máis anos xa que esta vacina ten unha maior inmunoxenicidade, para os que xera unha resposta inmune máis potente neste grupo de persoas cun maior risco de complicacións.

Poboación diana e obxectivos específicos

A vacinación ofértase gratuitamente para as persoas de 60 ou máis anos, residentes en institucións pechadas de calquera idade, mulleres embarazadas e tamén para aquelas persoas entre 6 meses e 59 anos con factores de risco que os predispoñen a padecer complicacións derivadas da gripe. Ademais, ofértase a persoas que lle poden transmitir a gripe a outras con alto risco de complicacións (entre os que se atopan os traballadores sanitarios) e tamén para persoas que desenvolven servizos esenciais para a comunidade.

A vacina antigripal non só evita casos senón que diminúe a frecuencia de complicacións derivadas desta enfermidade e, tamén, o risco de hospitalización e morte relacionada coa gripe.

Os obxectivos específicos son acadar unha cobertura na poboación de 60 a 64 anos igual ou superior ao 35%; conseguir unha cobertura na poboación de 65 ou máis anos igual ou superior ao 65%, e acadar unha cobertura superior ao 40% nos traballadores sanitarios do Servizo Galego de Saúde e nas mulleres embarazadas.

Melloras para profesionais e usuarios

Os profesionais sanitarios contarán este ano con informes mensuais sobre a cobertura da vacinación antigripal por cupo, o que lles permitirá contar con información personalizada. A Consellería de Sanidade ten activa tamén unha web temática como o principal portal de información para a sociedade e os profesionais, na que se actualiza toda a información técnica e os datos de evolución da campaña.

Así mesmo, todos os usuarios da aplicación informática VACGAL recibirán os avisos do inicio da campaña. Esta ferramenta, unha App gratuita da Consellería de Sanidade, iniciouse en abril deste ano poñendo a disposición da cidadanía información fiable e personalizada sobre o calendario vacinal por medio dos seus dispositivos móbiles.

A partir da terceira semana da campaña, tamén se desenvolverá o programa de promoción da vacinación antigripal mediante chamada activa. Os profesionais de enfermería chamarán á poboación entre 65 e 74 anos que non teña posta a vacina a esa altura da campaña. Ademais, establécense axendas de citación especial para vacinación e realizarase vacinación aos enfermos crónicos nas visitas a domicilio.

Más en Arteixo