O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou que en 2024 a Xunta baixará nun 60 % o imposto de transmisións dos vehículos de segunda man —ao reducilo dun 8% ao 3%— á vez que se eliminará completamente nos casos dos eléctricos cualificados de cero emisións.
“Son rebaixas que se fan con sentidiño e teñen un impacto positivo na vida da xente”, defendeu sobre este anuncio, realizado durante a visita ao concesionario de Rodosa, no municipio pontevedrés de Nigrán. Rueda considerou que esta medida non só é un “bo estímulo” para que a xente se anime a realizar este tipo de operacións concretas, senón para dar un “empurrón” ao consumo en xeral entre as familias galegas no actual contexto de inflación.
O mandatario galego apuntou que, segundo os cálculos que manexa a Xunta, será “mínimo de 60.000 transmisións de vehículos” ás se beneficiarán desta rebaixa fiscal, que suporá un impacto económico duns 5 millóns de euros. Ademais, salientou que, con esta medida, “Galicia pasará a ser a comunidade autónoma co tipo máis reducido para a transmisión de vehículos”.
Con esta iniciativa a Xunta ocúpase de tres cuestións fundamentais no actual contexto socieconómico, xa que axuda as familias nun contexto inflacionista; potencia a mobilidade sustentable e políticas medioambientais deixando ao 0 % o imposto cando se trate de vehículos non contaminantes; e aporta medidas que axudan a dinamizar a venda e adquisición de vehículos usados
Maís de 1.200 millóns de euros aforrados aos galegos nesta lexislatura
O presidente galego enmarcou esta nova medida no modelo fiscal propio que ten Galicia, que se basea en non subir impostos, baixalos sempre que se poidan e facelo sen afectar ao Estado de Benestar. De feito, segundo os cálculos do Goberno galego, Rueda destacou que nesta lexislatura aforraranse aproximadamente “máis de 1.200 millóns de euros” aos galegos e galegas grazas as rebaixas de impostos, ás que agora se sumará esta nova anunciada hoxe.
Neste senso, o titular do Executivo galego lembrou as catro rebaixas que se fixeron no tramo autonómico do IRPF nos últimos 4 anos, e que se traducen en que cada galego paga preto de 500 euros menos de IRPF que en 2009; a do Imposto de Sucesións e Doazóns; o 99,9 % das herdanzas de familiares directos non tributan en Galicia; o Programa de Impostos cero no rural, pioneiro en toda España; e tamén da equiparación a nivel fiscal de familias de dous fillos con familias numerosas, sendo a primeira CC.AA. que tomou esta decisión.
“Por aí temos que seguir”, defendeu sobre a senda fiscal practicada pola Xunta. “Somos un Goberno responsable que fai ben as contas para ter un pulmón que permite tomar este tipo de decisións”, concluíu.