O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e do presidente do Consello Regulador, José Manuel Gómez, presentou a campaña publicitaria “Pataca de Galicia. En boca de todxs”, que desenvolverá nas próximas semanas o goberno autonómico para promover o consumo deste produto co selo diferenciado da Indicación Xeográfica Protexida (IXP).
Durante a súa intervención, que tivo lugar na Delegación Territorial da Xunta en Ourense con presenza de produtores e outros traballadores do sector, ademais de alcaldes e cargos institucionais, José González fixo fincapé na importancia da gastronomía galega e puxo en valor a pataca, que acompaña a gran parte dos pratos típicos que fan que Galicia sexa recoñecible fora das nosas fronteiras. Seguindo esta liña, afirmou que “a nosa gastronomía non se entende sen este produto”.
A campaña promocional, feita en galego, conta cun orzamento de 300.000 euros e estenderase ata o 31 de decembro, con presenza nun cento de medios de comunicación de ámbito local, provincial, autonómico e estatal, a través de creatividades, cuñas radiofónicas ou anuncios audiovisuais que sitúan o selo de calidade da pataca como sinónimo de tradición e calidade. O seu obxectivo, recalcou o conselleiro lembrando o seu título, é que a “Pataca de Galicia estea en boca de todos”.
Esta acción, que conta cun “jingle” moi recoñecible, busca “non so chegar ao maior número de consumidores e consumidoras, senón tamén facer memorable o produto e que cando fagan a compra inclúan pataca galega nas súas bolsas”, resumiu José González.
Recoñecemento do labor dos produtores
O conselleiro asegurou que esta promoción entra dentro da estratexia do goberno autonómico para seguir potenciando a viabilidade desta actividade económica -fundamental para o rural galego-, asegurando a posibilidade de diversificar a produción e incidindo no futuro da terra.
Ademais, explicou, a acción “Pataca de Galicia. En boca de todxs” é un acto de “merecido recoñecemento” ao labor dos 90 produtores -con presenza na propia campaña publicitaria- e 12 almacenistas amparados pola IXP Pataca de Galicia. “Sen calidade na orixe, non contariamos con calidade no fin”, engadiu.
Este aspecto verase reforzado trala aprobación da futura Lei da calidade alimentaria, que se atopa actualmente en trámite no Parlamento, coa que se quere conseguir unha nova dimensión no mercado para os produtos galegos, entre eles, a propia pataca de Galicia. Neste sentido, José González tamén fixo referencia aos 6 millóns de euros que se destinarán no vindeiro 2024 para poñer en marcha un Plan de promoción de produtos agroalimentarios galegos.