En marzo pecha o prazo para solicitar as bolsas de deportistas da Deputación

Para acceder a estas axudas, que son compatibles con outras achegas públicas ou privadas, os interesados deberán ser residentes nalgún dos 94 concellos da provincia, pertencer a un dos deportes incluídos no programa oficial dos últimos Xogos Olímpicos, dispoñer da licenza deportiva vixente desde o 1 de xaneiro do presente ano e acreditar o nivel deportivo na...

251150_373434022737346_1532176790_aO prazo para a recepción de solicitudes de becas deportivas que concede a Deputación da Coruña continúa aberto ata o día 31 de marzo.

A Deputación, consciente das dificultades polas que están a pasar moitos deportistas de disciplinas individuais, especialmente nas fases de iniciación, convoca cada ano estas bolsas en dúas categorías.

A primeira irá dirixida aos deportistas entre 10 e 17 anos, e a segunda aos que teñen entre 18 e 21 anos. Cada unha das categorías conta con 10 bolsas de 2.500 euros, sendo o orzamento total para este fin de 50.000 euros.

Para acceder a estas axudas, que son compatibles con outras achegas públicas ou privadas, os interesados deberán ser residentes nalgún dos 94 concellos da provincia, pertencer a un dos deportes incluídos no programa oficial dos últimos Xogos Olímpicos, dispoñer da licenza deportiva vixente desde o 1 de xaneiro do presente ano e acreditar o nivel deportivo na modalidade practicada e a súa proxección nas previsións de futuro.

O reparto das bolsas realizarase segundo o fallo dun tribunal, composto por un representante da Deputación, outro da Comisión de Deporte e Mocidade e outras persoas con recoñecido prestixio no mundo do deporte. Este xurado valorará as solicitudes segundo uns criterios obxectivos e un reparto de puntos por méritos que tamén se dan a coñecer no boletín oficial.